Monday 16 de September de 2024

A Tempada Lírica 2024 de Amigos da Ópera da  Coruña homenaxea a Puccini coa ‘Bohème’ 


Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, destacou  a ampla variedade da programación cultural da cidade 

A Tempada Lírica 2024 de Amigos da Ópera da Coruña  presentou hoxe a súa programación que comezará en setembro e que virará ao redor da  figura e obra de Giacomo Puccini no ano no que se celebra o centenario do seu falecemento.  O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade e responsable de Cultura, Gonzalo  Castro, foi o encargado de dar a coñecer as diferentes actuacións previstas. “O Goberno de  Inés Rey mantén a súa aposta pola programación lírica, xa que consideramos que enriquece  o gran abano cultural que temos na Coruña”, sinalou Castro. 

A tempada comezará cunha dobre representación da Bohème e finalizará tres meses despois  cunha gala de clausura de temática pucciniana. En todo este tempo desenvolveranse óperas,  concertos, recitais, conferencias, proxeccións de óperas e películas e presentacións de libros.  

O 8 e 10 de setembro o Palacio da Ópera será o espazo no que se poderá volver ver na  Coruña, tras 17 anos, ‘La Bohéme’ título co que se inicia o recordo a Puccini. Ademais,  significará o regreso á tempada do tenor Celso Albelo, no rol de Rodolfo, e no de Mimi estará  Miren Urbieta-Vega, coprotagonista do peche de tempada 2023. O resto do elenco o  conforman Massimo Cavalletti, Helena Abad, Manuel Mais, Simón Orfila, Pablo Carballido,  Jacobo Rubianes e Alfonso Castro. Unha produción chegada do Luglio Musicale Trapanese,  coa dirección de escena con Danilo Coppola. A Orquestra Sinfónica de Galicia estará dirixida  por José Miguel Pérez- Sierra, nunha montaxe que contará cos coros Gaos e Cantabile. 

A programación en torno ao autor italiano completarase coa conferencia previa que dará Irene  de Juan Bernabeu, na sala de prensa de Afundación o 6 de setembro ás 19 horas.  

Neste mesmo espazo realizaranse as proxeccións das óperas ‘Manon Lescaut’, ‘Edgar’ e  ‘Fanciulla del west’ os días 10,17 de outubro e o 8 de novembro respectivamente. En novembro a Filmoteca de Galicia será o espazo no que se proxectarán os filmes: ‘La Bohème,  Puccini’ e ‘Hechizo de luna que se poderán ver os días 7, 21 e 28. 

Gala de clausura 

A homenaxe finalizará o mesmo día no que se conmemora o centenario, o 29 de novembro  coa Gala de Clausura cunha selección de arias e obras orquestrais de Puccini protagonizada  pola soprano Hui Hei, especialista e gran coñecedora da obra do autor. Xunto a ela a  Orquestra Sinfónica de Galicia estará dirixida por Beatrice Veneci, directora artística da Nova  Orquestra da Toscana. 

Isto é o principio e o final, pero ao longo destes tres meses a programación completarase  cunha ampla axenda de actividades. O barítono coruñés Javier Franco, xunto a José Ramón  Martín ao piano, ofrecerá un programa de canción galega e zarzuela. Será o 15 de setembro  no Teatro Rosalía de Castro.  

L´elisir d´amore 

Neste mesmo mes de setembro representarase a segunda das óperas da tempada, ‘L´elisir  d´amore’, que se representará os días 27 e 29. O Teatro Colón acollerá a produción do Teatro  Trapanni que dá unha visión da obra desde o punto de vista de Botero, no primeira aniversario  do falecemento do artista plástico.  

Para dar vida a Adina estará a soprano Ruth Iniesta, que chega á Coruña tras os éxitos  cultivados nos últimos anos, sendo a última gañadora do premio Talia na categoría de Mellor  Intérprete Feminina en Lírica. 

O rol de Nemorino será realizado por Ramón Vargas, que regresa á cidade despois da súa  única visita realizada en 2015 canto protagonizou un recital que foi aplaudido por crítica e  público. O elenco da obra de Donizette completaranse con Damián del Castillo, Luis Cansino  e Susana Garcia. No foso a Orquestra Sinfónica de Galicia será dirixida por Guillermo García  Calvo, mentres que a escena discorrerá segundo Victor García Sierra.

Marko Mimica 

O baixo barítono croata Marko Mimica actuará por primeira vez na Coruña o 23 de outubro.  No Teatro Rosalía de Castro presentará o seu programa ‘Long time ago’. O público terá a  oportunidade de gozar coa interpretación do artista de cancións rusas e americanas que se  completará cun repertorio camerístico francés. Estará acompañado ao piano polo músico  cubano Marcos Madrigal. 

Curso con Carlos Álvarez 

O mes finalizará co comezo dunha nova edición do curso de interpretación vocal que en está  ocasión estará a cargo de Carlos Álvarez. O barítono substituirá a Mariella Devia e Fiorenza  Cedolins responsables nas últimas tempadas. Unha vez máis, ao longo de cinco días, novos  artistas terán a oportunidade de mellorar as súas técnicas no escenario. Proximamente  abrirase o prazo de inscrición para os interesados para asistir tanto como estudantes ou como  oíntes ao curso que se realizará no Conservatorio Superior de Música da Coruña. 

O curso finalizará o 5 de outubro coa realización dun concerto no que todo o alumnado  presentarase ante o público no Auditorio de Afundación. Desta cita sairá seleccionado o  cantante que protagonizará uns dos recitais de lírica inclusiva 2024. 

Lírica inclusiva 

O ciclo de lírica inclusiva co que a Asociación leva mais dunha década apostando por novos  talentos e por aproximar esta arte a toda a cidadanía regresa un ano máis á programación.  O día 11 Andrea Varela estará na Fundación Padre Rubinos; o 18 Rocio Faus estará na  Centro Cívico de Monelos e o 25 o artista seleccionado no curso de Interpretación Vocal  protagonizará o recital programado no Centro Cívico de Labañou. 

Esteno absoluto: Pálido punto azul 

A tempada continuará coa estrea absoluta da obra: ‘Pálido punto azul’, asinada polo  compositor galego Javier Otero. O 12 de novembro no Teatro Rosalía de Castro o público  terá a oportunidade de ver por primeira vez esta obra colectiva na que se unen diferentes expresións artísticas que segundo asegura o seu autor xorde da necesidade de “mirarnos a  nós mesmo”.  

Sobre o escenario estarán a soprano Adriana Laespada e a artista audiovisual María  Llandera. O día anterior a sala de prensa de Afundación acollerá a conferencia que estará  protagonizada polo propio autor: Javier Otero. 

Más actividades 

O 24 de outubro Afundación acollerá a presentación do libro de Manuel Rajal ‘Historia de la  ópera en viñetas’. Unha aproximación lúdica e para todas as idades á lírica. O 14 deste mes  o mesmo espazo acollerá a proxección e posterior coloquio de ‘Solo hay horizonte’. Unha  ópera asinada por Juan Vara e trasladada ao cinema por Miguel del Río. Compositor e director  uniranse neste espazo coruñés para dar conta desta obra.  

Este mes completarase cos recitais do ciclo Novas Voces Galegas con Andrea Rey, que será  o día 20 en Afundación e o día 22 con Mónica Redondo protagonizará o ciclo Xeración  Ascendente, no Museo de Belas Artes da Coruña.  

A presentación da Tempada Lírica, realizada no Teatro Colón da Coruña, contou coa  presidenta da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, Natalia Lamas; o director artístico  da Tempada, Aquiles Machado, así como co vogal da entidade Luis Loureiro.